17 de jan. de 2008

“UN SOLDADO CON TRAXE DE POLICÍA” (por Marcial Prado Rial)

Revista o PichelPolo seu extraordinario interese reproducimos o artigo publicado por Marcial Prado Rial, membro do Consello de Relacións Veciñais, no número 11 (decembro de 2007) da revista O Pichel, a revista das relacións veciñais.

(Premer enriba da capa da revista para ampliala).



UN SOLDADO CON TRAXE DE POLICÍA

Por Marcial Prado Rial

Parece mentira, pero os tres do Eixo, Simón, Xesús e Xosé, xa están na cadea, talvez porque o enorme apoio social que recibiron non deu no cravo, así como tampouco a defensa foi capaz de demostrar que os imputados non tiveron unha responsabilidade directa nos feitos acaecidos o día de autos. Como demócratas que somos debemos aceptar a sentenza, a pesar de que na rúa se comente que estes non foron os responsábeis das lesións do señor Luís, o policía, pero un novo procesado parece que non libraría da cadea a Simón, Xesús e Xosé, é dicir, que de todos os xeitos están fodidos, pobre democracia!




Segundo din os letrados xa non se pode facer nada xuridicamente por eles máis que agardar o indulto, pero iso véxoo moi complicado porque o indulto é para perdoar un delito, que eles negan ter cometido e ademais de non cometelo teñen que mostrar un achegamento ao lesionado, cando eles pensan que este lles amolou a vida. Isto recórdame o que de recrutas nos dicía “o xenro do coronel don Julio Sánchez de Urbina” en Sidi Ifni (África Occidental): - Vostede é parvo! - Si, meu tenente! Se vostede o di non teño por que dubidar da súa palabra.

A día de hoxe non podo sacar da cabeza a Simón, Xesús e Xosé, parece que estamos en épocas pasadas onde o que dicía a autoridade ía a misa e os que pagamos os impostos non somos de fiar. Levo trinta e oito anos e medio como directivo no movemento asociativo e prestei servizo á patria durante ano e medio como policía nacional en Sidi Ifni (África Occidental), por este motivo vou manifestar o meu pensamento en alto, debo confesar que non lin a sentenza porque non teño coñecemento de dereito e podía levarme a interpretacións erróneas, así que fun escoitando a uns e outros e saquei as miñas conclusións.

Primeiro. - Sorpréndeme que só se fale da manifestación dos veciños do Eixo en protesta pola abertura dun novo carril á altura de Santa Lucía, na estrada Santiago-Ourense. Por que ninguén menciona que os veciños se manifestaban debido ao incumprimento sistemático dos responsábeis de Fomento de facer un paso de peóns para solucionar o problema dos accidentes do lugar?

Segundo. - Di o señor Luís que algúns dos manifestantes portaban paus ou bastóns; paréceme que é o único críbel que nos conta este personaxe nas súas declaracións. Pero señores, isto é normal porque había xente maior e necesitaríano para se apoiaren, polo que entendo que non era para agredir as forzas da orde.

Terceiro.- O axente de policía don Luís Gómez Vázquez declara que quedou un pouco atrasado con respecto do grupo de policías e que, estando de costas ao grupo de manifestantes, recibiu dous empurróns nas costas. Señor Luís, o inimigo hai que miralo de cara e tampouco se pode abandonar o grupo de compañeiros. Debo aclarar que durante o servizo militar fixen a función de policía nacional en Sidi Ifni e esa era unha das primeiras cousas que nos ensinaban. Tamén di o axente, o señor Luís Gómez Vázquez, que o menor, Rubén Márquez, comportábase de maneira agresiva e como consecuencia, o axente pediulle que se identificase, foi entón cando o acusado Simón Márquez, irmán de Rubén, lle dixo ao axente que o deixase en paz porque era menor. O señor Luís, cría necesario identificalo polo seu comportamento, estaba a cumprir co seu deber, pero en vista de que se atopaba só e os folgos estaban quentes era previsíbel que se podía producir un altercado, polo tanto, en prevención de males maiores, tería que ter avisado os seus compañeiros para levalo a cabo. Polo menos esa era a norma cando eu fixen esa función, pero o axente don Luís, presuntamente saltando, as normas intentou botarlle o lazo ao menor Rubén para que se identificase; debeu pensar que este era unha das súas reses, pero o lazo fallou e o pequeno buliu entre os manifestantes e estes tratarían de protexelo. A consecuencia de todo iso produciuse unha tirapuxa, o que alertou os outros policías que acudiron ao lugar para ver o que pasaba, entón a maioría dos manifestantes tratarían de apartarse das forzas da orde, o que ocasionou un “tumulto” que desprazaría tanto o axente coma os que intentaban protexer o rapaz até caeren na gabia, onde resultou lesionado o señor Luís, ben casualmente ou porque algún desgrazado o golpeou, cousa que condeno e lamento profundamente, ao igual que reprobo a conduta de Simón por non reprender a seu irmán.

Cuarto.- A historia de que todos mallaban tanto no axente lesionado como no oficial don Horacio Yáñez, parece máis ben de ciencia ficción, ao igual que a de que o menor golpeara o axente.
Teño sesenta e sete anos e estiven en moitas manifestacións e nunca sucedeu tal cousa, pero vou comentar dous casos que son semellantes ao que aconteceu en Santa Lucía:

• En Vigo, manifestación dunhas de 3.000 persoas para que arranxasen a travesa de Vigo e mais dun cento de policías. Entón, un incauto cruza a rúa e un axente bendícelle as costas e trata de detelo. Os manifestantes alí presentes impedímolo. Cando o axente deu a volta un exaltado intentou agredilo cunha pedra, cousa que impedín pero... se lle dese, seguramente que me culpaban a min por ser un dos organizadores.

• Manifestación en Santiago de Compostela, o Día da Patria Galega. Dous axentes intentaron sacar do grupo de manifestantes o escritor X.L.M.F., arrastralo cara ao furgón, cousa que impedimos os presentes pero non nos puxemos a mallar neles, non somos a “kale borroka”.

Quinto.- A proba de que a historia non se axusta aos feitos narrados polo lesionado don Luís e polo oficial don Horacio Yáñez é que ningún dos compoñentes do grupo de policías de Santiago fixo uso das defensas persoais nin avisaron o grupo de policía da Coruña, así como tampouco detiveron a ninguén, a menos que lles esteamos pagando a uns incompetentes, cousa que non creo. Para min o problema xurdiu cando chegaron a comisaría, había que presentar un informe para o xefe que os deixara en bo lugar e a única maneira era dicir que os manifestantes eran uns desalmados. Mais iso non bastaba, había que presentar probas como lesións, roturas do traxe e... cando non as hai fabrícanse. Pero no caso que isto sucedese en Sidi Ifni, como eramos soldados con traxe de policía, polo simple feito de producirse un altercado xa eramos culpábeis e o lesionado, se tiña sorte, iría ao hospital e aos outros de momento retiraríannos de prestar servizo na rúa, porque un corpo de elite non se pode deixar mallar por uns afeccionados co agravante de non cumprir as normas estabelecidas e seu destino sería o de pico e pa polo día e de noite a terceira imaxinaria.

Sexto. - Irnos coas detencións, se exceptuamos a de Simón que pode ter sentido por estar no lugar, a dos outros dous é unha trapallada. Polo tanto, como xa pasaran máis de dez días previstos para estas dilixencias e os axentes especiais non daban cos presuntos sospeitosos segundo os datos que lles facilitaran os seus compañeiros, e non me estraña porque o informe dicía que o señor Xesús Montoiro é unha persoa de cute branca, cando é moi moreno, entón don Luís armouse de valor e cunha minusvalía de 67%, lesións que tardaron dous anos en curar, saíu pasear pola rúa vestido de policía e mira que casualidade que atopou o seu agresor o señor Xosé. No entanto, a causa non para aí: cando o señor Xesús acode ao xulgado para interesarse polo seu cuñado o señor Xosé, madía leva! que don Luís tamén estaba alí, a pesar da súa minusvalía, para acusalo de ter sido outro dos que lle zurraran e... ademais, as testemuñas que presentaron os acusados para demostrar que non estaban no lugar dos feitos foron rexeitadas por razóns de amizade, parentesco, veciñanza, solidariedade. As súas declaracións non foron concisas, o cal non me estraña porque tamén temerían ser encausados. Non obstante, as declaracións da Policía eran máis precisas e isto é normal porque a Policía sabe que non pode dubidar se quere que as súas declaracións sexan críbeis. Como consecuencia foron condenados á cadea.

Sétimo.- Por que o señor Luís non deixou nas mans dos axentes especiais a busca dos seu agresores? Se eu fose mal pensado diría que había que buscar uns culpábeis para que pagasen as indemnizacións. Aínda que alguén pode pensar que se non aparecesen os culpábeis o Estado sería o responsábel subsidiario de pagalas, este non paga así como así. Recorrería ao expediente e vería que don Luís e o oficial Horacio Yáñez, este último unha das principais testemuñas, xa estiveran implicados na causa 297/98 acusados de malos tratos, ademais presuntamente algunha das secuelas que di padecer don Luís podería terse iniciado con anterioridade ao accidente. Por outro lado, este “lesionado” parece que practicamente non deixou de traballar de vaqueiro. Polo tanto, había que buscar uns responsábeis e como os señores Xosé e Xesús son persoas moi coñecidas, dun aspecto físico moi marcado e fácil de recordar e como ademais estaban na manifestación, eran os candidatos perfectos, talvez coa esperanza de que estes descubrisen o verdadeiro agresor, e coma estes non debían sabelo foron parar ao caldeiro.

Parece mentira pero certo, os tres do Eixo por non seren mentireiros están en Teixeiro. Xa veremos como saen.

4 comentários:

  1. Pois si. Que medo. Como para sair a rúa a defende-los teus dereitos. Resbalan os policias cunhas mondas de patacas diante túa e dalí a nove anos estás no cárcere acusado de terrorista (é un dicir). Todo isto cheira moito a podre de lonxe.
    Por qué foron devoltos os libros que Sechu Sende lles mandou ó cárcere?
    A que veñen estas formas de quentar o sangue á xente?
    É que vai ser que nos cren parvos ou reses?
    Que pasa neste pais?
    Non dou crédito... E empezo a estar un pouco bastante farta de este abuso á poboación.
    Por parte de tódolos poderes estatais. Por parte de tódalas empresas multinacionais.
    Non é por nada, mais si van os veciños armados as súas razóns teñen. Ó fin, para acabaren no cárcere polo menos que lle huberan dado a malleira da súa vida ó pobre desgraciado ese...

    ResponderExcluir
  2. Parece que a xente ten un pouco de caradura..... pedides o indulto para unhas persoas que agrediron a outra empregando a superioridade para poder ameazala. Esquecedesvos de que atentar contra outra prsoa sexa ou non axente da autoridade é algo horrible, para os que os defendedes sabede que sodes complices de darlle unha malleira a un obreiro, non o olvidedes un traballador, a única diferrencia que ten con respeto a outros trabazlladores cotidians é que iste non se pode agochar cando ten que fcer o seu traballo.
    DE todas maneiras creo que na carcere unha tempada non lles sentara de todo mal, e ademáis xa está ben ... porque alguén lle pediu disculpas ó agredido... nin en público nin en privado... entón comencemos por ahi... por pedir disculpas...

    ResponderExcluir
  3. Esta claro que ninguén se merece unha malleira.. Pero tódolos dias reciben malleiras mulleres, nen@s, av@s, a xente que está na rúa sin fogar, xa o sabedes ben. Mais os que os agreden non van parar o cárcere. Os humanos somos así de pouco amables con o que temos, con o que somos.
    Si os tres do eixo deben pedir desculpas por estar no cárcere, sete anos despois dos acontecementos, non sei... Entos todos deberiamos pedir desculpas por permitir que en gaza ocurra o que ocurre. Todos deberiamos ser os tres do eixo, todos deberiamos estar no cárcere.
    Igual tamen o señor axente da orde debería pedir desculpas por non saber facer ben o seu traballo. Por exaxerar os acontecementos. Sabía como profesional a onde ía. E como profesional actuou ben pouco.

    ResponderExcluir
  4. É un caso excepcional. E creo que sobretodo, o problema estivo nos xulgados, na defensa e na ley... quitando algo tan importante como que existan dúbidas tan serias nos feitos... que xa e suficiente como para que non se procese a alguén digo eu... dubidar e tentar a sorte, tirar os dados... e tirar os dados cun ser humano non e nada xusto.

    ResponderExcluir