18 de dez. de 2007

Manifesto da Quintana (16/12/2007)

Publicamos hoxe o manifesto lido pola escritora Teresa Moure antonte domingo, 16 de decembro, na Quintana ao final da multitudinaria manifestación:

MANIFESTO POLO INDULTO DOS TRES DO EIXO

Agora mesmo estanse a cumprir 46 días e 3 horas do ingreso en prisión dos nosos veciños Simón, Xesús e Xosé, os tres do Eixo.

Estamos aquí para lles dicir que non están sós. Cada noite, cando eles entran en Teixeiro, nós entramos con eles. E cando saen pola mañá ao traballo, volvemos con eles ver a luz do sol. Como eles, levamos a cabeza pesada e a boca seca de quen gorenta o sabor da inxustiza. Porque, desde que entraron en Teixeiro, nós somos os do Eixo. Non están sós.


Todo comezou hai nove anos. A parroquia de San Cristovo do Eixo manifestábase reclamando un paso a nivel para os veciños cruzaren a estrada sen perigo, após de varios accidentes de tráfico. En vez de atender as peticións do pobo, o goberno aumentou un carril a estrada e os veciños, alporizados, saíron a rúa. O goberno respondeu con furgóns policiais. Nun momento de tensión entre o pobo, que se quería facer ouvir, e as forzas armadas, que os querían facer calar, un dos policías resultou ferido: os ánimos andaban quentes e, por riba, houbo a mala fortuna de que caese por un cavorco abaixo. Por este motivo tres veciños foron condenados a pagar 156 mil euros de multa e a pasar sete anos na cadea. Nese momento todas e todos nós fomos condenados: as que acudimos a manifestacións, os protestóns, as inconformistas, os que non comungan con rodas de muíño fomos condenados. Durante estes nove anos de procesos xudiciais, de mobilización, os veciños do Eixo esgotaron os seus folgos pedindo un indulto. Hoxe seguimos a agardar por ese indulto!

Disque vivimos nunha democracia representativa. Os intereses do pobo son trasladados ás institucións por uns representantes escolleitos en eleccións. Mais aí as cousas complícanse. Porque o indulto é unha graza, un agasallo, e ten que concedelo o Consello de Ministros do Estado español e, daquela, o asunto do Eixo deixa de ser un problema local, desta parroquia ou de Compostela enteira, para pasar a ser un problema nacional, un problema que nos implica como galegos e galegas conscientes.

Son ministros de Madrid os que teñen que decidir sobre a liberdade de Simón, Xesús e Xosé. Para os ministros, tres traballadores enleados por un asunto veciñal na Galiza serán unha insignificancia, nada a ver co tipo de problemas políticos que adoitan abordar. Estamos aquí para que se dignen considerarnos. Estamos aquí para berrar. Estamos aquí lembrándolles que as leis non se fan para castigaren as persoas máis activas de cada colectivo, que a lei non é boa se se dedicar a punir os cidadáns por participaren, por combateren na vida social de cada día, por traballaren no tecido asociativo, por faceren país. Estamos aquí para lembrarlles que non se chama delito o dereito a disentir, que non se chama delito a carraxe de quen afronta as chamadas “forzas e corpos de seguridade do Estado”, que defenden o que lles toca defender, e non sempre as causas xustas. Estamos aquí para lles lembrar aos ministros do Estado Español que un indulto non é tanta cousa como pode parecer, simplemente reclama o perdón da pena por xulgar innecesario o seu cumprimento. Estamos aquí para lles asegurar que os do Eixo poderiamos ser calquera de nós. Estamos aquí a reclamar ese indulto!

Que non nos mintan facéndonos acreditar nas leis se mandan ao cárcere a cidadáns cumpridores das súas obrigas, inquedos, responsábeis, queridos no seu contorno, onde están e estiveron sempre re-inseridos. Non nos convencerán de que hai xustiza por mantelos no cárcere tantos anos despois do incidente. Estamos aquí a reclamar ese indulto. E non somos tres! Apoiamos aos do Eixo as persoas reunidas por esta convocatoria hoxe, e os milleiros de persoas que se manifestaron noutras ocasións desde o 12 de outubro berrando a súa carraxe polas rúas. Son do Eixo os gaiteiros e gaiteiras que tocaron no Toural, son do Eixo as xentes do escenario e as da escrita, son do Eixo os sindicatos e os centros sociais... É do Eixo a xentiña toda que colleu un autobús para os acompañar a Teixeiro ou para vir hoxe a esta praza da Quintana. Apoian as institucións, o concello de Santiago, o de Ames, o de Brión, o de Arzúa, o de Teo, o de Padrón, o de Val do Dubra, o de Vedra... Apóiaos o propio Parlamento da Galiza! Abofé que os do Eixo non están sós.

Cómpre dicirlle ao Consello de Ministros que os enfrontamentos xorden cando alguén non escoita e que as institucións que non escoitan teñen responsabilidade nos conflitos. Estamos aquí porque vista desde Madrid, se cadra Compostela parece unha cidade amábel, coa súa catedraliña e a súa choiva miúda, coas ruelas de pedra onde encher o bandullo por catro patacóns. Con ese tópico, aos ministros halles custar un pouco entendernos. A sociedade galega acha que logo de nove anos de inseguranza, e de tantos cartos e tantas enerxías sociais desbaldidas, os do Eixo xa sufriron dabondo por aqueles incidentes.

Estamos aquí para lle lembrar ao Consello de Ministros que se a propia institución penitencial lles concedeu, nada máis entraren, o segundo grao, se lles está permitindo manter os seus postos de traballo, será que no trullo non os ven tan perigosos como para ficaren alí.

Máis un detalle. Pedimos o indulto co obxecto de mellorar as condicións de vida de Simón, Xesús e Xosé, mais tamén para facer visíbel a represión que sofre a cidadanía cando defende intereses que poñen en cuestión as forzas represivas do estado.

O indulto para os tres do Eixo urxe (e moito) porque os informes anuais de Amnistía Internacional non din precisamente que as cadeas do estado español sexan lugares tranquilos. As institucións penitenciais son represivas, ademais de obsoletas por representaren un modelo caduco de vida social, un modelo ocupado na vixilancia e o castigo de quen non se axustar estritamente a unha legalidade imposta. Ese modelo non permite a convivencia de ideoloxías distintas e, asemade, medra na loita de clases, propaga a drogadicción e fomenta a demencia. Non queremos que os nosos veciños Simón, Xesús e Xosé teñan que pasar por iso! Os do Eixo non precisan seren rehabilitados; que saian logo! Mais quen pode crer xa que os cárceres sirvan para rehabilitar ninguén, se a maioría son almacéns perigosos, verdadeiros infernos superpoboados, ateigados de síndromes de abstinencia, carraxe social e desesperación! Aínda ben que os do Eixo non están sós porque alguén na cadea sen apoio do exterior está mort@.

Tanto ten, porque todas e todos, absolutamente, estamos a prol do indulto. Trátase dunha cuestión humanitaria, por riba doutra consideración ningunha; sería unha indicación de boa vontade, de que a xustiza se practica cunha venda nos ollos, sen atacar as cores do activismo cidadán.

O cárcere está deseñado para neutralizar individuos potencialmente perigosos. Os tres do Eixo non o son. As diferenzas ideolóxicas, económicas e sociais, transfórmanse en cuestións criminais e a xustiza social necesaria, feita de diálogo, desaparece para deixar paso á implacábel xustiza penal. Dito doutro xeito, os cidadáns que pensan e que se organizan convértense nun problema para o sistema e os estados teiman en denominalos refugallo social e en tratalos como se fosen dinamita. Estamos aquí para lembrar que os veciños do Eixo non son refugallo social (que non hai refugallos sociais!) nin dinamita ningunha. Por iso, para eles tres, para nós, que ben poderiamos estar na súa situación, pedimos o indulto. E querémolo xa!

Nenhum comentário:

Postar um comentário